O luns 28 de maio é o Día Internacional do Xogo. Con motivo da celebración, o Concello de Zas, organiza o día anterior unha xornada adicada ao xogo tradicional galego. Durante a mañá do domingo 27, entre as 11:30 e 14:00 horas, estarán instalados no contorno das Torres do Allo numerosos postos de xogos tradicionais para que calquera persoa ou familia poida achegarse e aprenderlles aos máis pequenxs a divertirse coma en tempos.

A actividade realízase coa participación da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional que se encarga de proporcionar os materiais e de divulgar a mecánica de xogos coma os birlos, a buxaina, a mariola, as chapas, a roma, a chave, os zancos, as carrilanas, o tirapedras… e moitos máis. A maxestosa avenida de entrada ao monumento permanecerá pechada ao tráfico para proporcionar un gran espazo lúdico onde pasar unha mañá en familia.

27 de maio: Día do Xogo Tradicional.