As Torres do Allo organizan o sábado 8 de xuño o “Día do Xogo Tradicional”, entre as 16:00 e as 19:30 horas. Na carballeira que da acceso ás Torres do Allo estarán instalados numerosos postos de xogos tradicionais para que calquera persoa ou familia poida achegarse e aprenderlles aos máis pequenxs a divertirse coma se facía en tempos.
A actividade conta coa participación da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional que é a encargada de proporcionar os materiais e divulgar a mecánica de xogos coma os birlos, a buxaina, a mariola, as chapas, a roma, a chave, os zancos, as carrilanas, o tirapedras… e moitos máis.
A maxestosa avenida de entrada ao pazo máis antigo de Galicia permanecerá pechada ao tráfico, co obxectivo de proporcionar un grande espazo lúdico onde pasar a tarde en familia.