As Torres do Allo recibiron ao longo do 2018 algo máis de 9000 visitantes, unha cifra coa que continúa o seu incremento de visitas con respecto ao ano anterior, no que se bateron marcas, o número de visitantes incrementouse en algo máis de 1700 persoas.

Un completo programa de actividades culturais con carácter anual composto por máis de 20 citas dirixidas a diferentes públicos e idades converteron ao pazo nun dos monumentos turísticos máis visitados da provincia . Ao longo do 2018, os visitantes puideron desfrutar da música, das visitas teatralizas, dunha mostra do traxe tradicional típico da Terra de Soneira, dunha exposición sobre a figura de Víctor Seoane, do xogo de pistas, dun mercado tradicional, do día do xogo tradicional, dun magosto, das monografías, dun concurso de fotografía, de visitas didácticas,… e doutras actividades de gran éxito e únicas na zona como o Pazo Escape”. Este xogo de pistas e de aventuras para realizar en grupo, baseado no Escape Room, púxose en marcha no pasado mes de xuño e aos poucos días de abrir as inscricións xa se esgotaron todas as prazas disponibles. A través dunha historia sobre o monumento, os xogadores deberían saír da instancia nun tempo limitado. Con esta actividade, conseguiuse que o público local e con con idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos se achegase ata o pazo e descubrir a súa historia dun xeito lúdico e pouco habitual.

Cifras por meses

Ao igual que nos anos anteriores, os meses de maior afluencia foron xullo e agosto, onde se concentrou case un 40% do público total. Mais tamén marzo, maio, setembro e novembro presentaron boas cifras de visitantes grazas ás actividades especiais que se realizaron no pazo.

Procedencia e idade dos visitantes

Os datos son moi equilibrados en canto á procedencia dos visitantes. Un 30,7% achegouse a Zas dende todas partes de Galicia; un 26,2% residía da Costa da Morte; un 22% correspondeuse co público chegado do resto do Estado; un 16,8% constituírono os propios veciños e veciñas de Zas; e un 2,6% viñeron visitar as Torres do Allo dende outros países de Europa e do Mundo.

Unha alta porcentaxe de persoas que visitaron o pazo e a súa contorna fixérono en familia (un 26,9% que se traduce en 553 familias). Pola súa banda, máis de 700 parellas decidiron que esta bucólica paisaxe perfectamente conservada tiña que formar parte do seu percorrido (34,1% do total). Mentras que 620 grupos informais (un 30,3%) visitaron as Torres e gozaron das visitas guiadas específicas e o 8,6% restante fíxoo de forma individual.

En canto á idade dos visitantes, destaca que máis da metade das persoas que se achegaron a visitar o monumento ao longo do 2018 foi público adulto, cunha idade comprendida entre os 30 e os 65 anos. O 18% correspondeuse co público en idade escolar, maiormente como parte do programa didáctico das Torres do Allo, entre os 5 e 15 anos. O público senior, de máis de 65 anos, constituíu un 16,8% do total; mentres que os mozos e mozas de 16 a 29 anos supuxeron un 10%. Os nenos e nenas de 0 a 4 anos representaron o 4% desas 9000 visitas.

9000 visitantes en 2018, un 23% máis.