inés abelenda M. L.
carballo / la voz 01/09/2020 05:00 h
As Torres do Allo, situadas no Concello de Zas, constitúen o primeiro pazo galego da historia. Dende hai uns anos realízanse visitas guiadas polas instalacións, ao igual que diferentes actividades e representacións. Raquel López (Santiago, 1970) é unha das técnicas de turismo do complexo, dende xaneiro de 2018.
-Como se desenvolveron as visitas este verán?
-Este ano está sendo un pouco estraño para todos. Tivemos que adaptar a programación de verán a esta situación que vivimos agora. Nas visitas guiadas os grupos teñen que ser máis pequenos, realízanse máis no exterior que no interior e, en función do número de persoas e dos grupos de convivencia, facemos ás veces un pase, dous ou tres. Nós temos que acondicionar o espazo para os visitantes, temos que colocar as cadeiras, limpar e desinfectar todo, o que leva moito tempo. A compañía de teatro Os Quinquilláns tamén tivo que readaptar as súas actuacións e cambiar o guión.
-Que pode contextualizar da historia das Torres do Allo?
-Eu creo que o pazo ten moito interese dende o punto de vista arquitectónico, histórico e artístico. Unha época que está moi presente nel é a da última figura que estivo vinculada a el hai case cincocentos anos, aínda que non viviu alí. Francisca de Riobóo, que casou con Víctor López-Seoane, foi a única muller que herdou o pazo. Esa parte da historia, de finais do século XIX, non é un momento no que se fagan grandes obras no pazo, senón que é aí cando comeza o declive, cando entra en decadencia o sistema semifeudal, que persistía nalgunhas zonas de Galicia. A época de Francisca é un dos momentos que está moi presente no pazo.
-Que é o que máis lle gusta ver á xente nas visitas?
-A xente valora moito o espazo e o lugar onde están as torres. Tamén agradecen moito as opcións de paseo que teñen na contorna, como ir á fonte de San Ramón. Nós sempre lles aconsellamos que camiñen pola avenida dos carballos, porque é un paseo espectacular. A xente goza moito do valor natural que teñen as Torres do Allo, ademais da carga histórica.
-Se tivese que destacar un dos atractivos do pazo cal sería?
-Se teño que destacar un elemento das Torres do Allo, escollo o BIC (Ben de Interese Cultural), é dicir, todo o que compón as torres: o pazo, o pombal, os xardíns, a igrexa, o prado. Todo o conxunto dá lugar ao atractivo da zona, polo que non podo quedarme cun só elemento. O que si estou descubrindo pouco a pouco é o patrimonio natural da zona. Estoume dando conta de que aquí hai un poder de atracción dese patrimonio natural, asociado ao cultural, que non se soubo vender ben. Eu non trato de comparalos, porque un non é máis co outro. Pero penso que ao natural non se lle dá a importancia que merece.
-De onde procede o nome das Torres do Allo?
-Aquí hai unha explicación popular que di que o Allo está entre Cebola grande e Cebola pequena, dúas aldeas que hai preto. Esa é a lectura popular. Hai xente que di que o nome vén da palabra vasallo, porque os Riobóo foron vasallos dos Altamira. Tamén hai quen pensa que estaría vinculado ao termo latino angulus, que eran os meandros que facían os ríos. De aí provén o nome do río Anllóns e aquí preto, o río fai un ángulo.
-Onte celebrouse alí, ás portas do propio pazo, o mercado de San Ramón.
-Este ano tivemos máis artesáns que o ano pasado, veu xente que traballa o liño e os palillos. Tamén fixeron traballos en prata, bixutería diversa realizada con madeira ou fíos, mel ecolóxica e libros. As actividades continuarán en setembro, a partir do día 15. O que temos previsto para eses meses é realizar un magosto, un obradoiro de Samaín, monografías e xogos de pistas, entre outras cousas.