O próximo sábado 24 de novembro pola tarde terán lugar as Monografías do Allo, un conxunto de conferencias arredor do patrimonio das Torres do Allo. Este ano a temática elixida é “Os habitantes do pazos, fidalgos e campesiños” na que da man dos mellores expertos na materia afondarase na vida cotiá do pazo máis antigo de Galicia.

A partir das 16:30h. o historiador zaense Evaristo Rial falaranos de 150 anos de educación en Zas. O caso particular da Escola do Allo, onde descubrirá parte da historia descoñecida do pazo, non só a través de investigacións históricas, senón tamén do testemuño das xentes que o viviron e imaxes inéditas da escola e dos seu alumnado.

Ás 17:30 será a quenda de Antonio Presedo, Catedrático de Historia Moderna e máximo experto na fidalguía galega no Antigo Réxime, que nos achegará A vida cotiá nos pazos da fidalguía galega no S. XVIII”.

As “Monografías do Allo” consolídanse desta maneira como un referente, nas que participan os máis destacados intelectuais galegos de diversos ámbitos. Unha actividade realmente atractiva para todos os que desexen coñecer non só o gran patrimonio inmaterial que atesouran as Torres do Allo, senón tamén coñecer unha época e forma de vida que foron clave na nosa historia recente.

As Monografías do Allo sacan á luz a historia esquecida das Torres.