Comeza a tempada alta no primeiro pazo de Galicia. A partir deste venres 15 de xuño e ata o 15 de setembro, o monumento do Concello de Zas abrirá tódolos días. De luns a venres o horario será de 11:00 da mañá a 20:00 da tarde; e o sábado e domingo permanecerá aberto ata as 21:00 horas. Haberá visitas guiadas gratuítas tódolos días á 13:00 e ás 17:00 que terán unha duración aproximada de 50 minutos e nas que se poderá coñecer a historia completa do pazo dende o século XV ata a actualidade, e visitar a contorna chea de encantos como a carballeira centenaria de Vítor López-Seoane, a capela de San Pedro do Allo, a fonte milagreira de San Ramón, as Casas do Curro e o pombal, os hórreos, ect…

Por se fora pouco, a finais de mes arrinca unha iniciativa sorprendente para visitas as Torres dunha maneira completamente diferente. O Pazo do Allo convértese nunha enorme “Escape Room”, un xogo de escapismo para realizar en grupos e baixo reserva no que deberemos atopar a maneira de escapar do pazo nun tempo límite. Unha proposta para as persoas máis atrevidas onde se coñecerán lugares das Torres do Allo aos que non se pode acceder na visita normal. A actividade é completamente gratuíta, para grupos de entre 2 e 10 persoas, e para reservar un día en concreto simplemente hai que escribir un correo a info@torresdoallo.gal.

Ademais, o 1 de xullo arrinca tamén o II Concurso de Fotografía co Móbil “Enfoques do Allo” con premios en metálico para as tres mellores e máis votadas fotografías. Tralo éxito de participación da anterior edición agardamos que sexan moitas as persoas que se acheguen ás Torres para captar a beleza do monumento e da natureza.

Volverán tamén ao longo do período estival as xa clásicas visitas teatralizadas cos Quinquilláns. Unha actividade para toda a familia á que se suma tamén o Xogo de Pistas para facer un percorrido diferente polo pazo que precisa da colaboración dos máis pequenos da casa.

Para consultar as actividades das Torres do Allo, entra na web oficial e permanece atentx ao calendario!

As Torres do Allo abrirán tódolos días a partir deste venres 15 de xuño.