A mostra, organizada polo Concello de Zas en colaboración coa Deputación da Coruña, será inaugurada o sábado 27 de marzo ás 18:00

As actividades culturais continúan no pazo máis antigo de Galicia. Nesta ocasión as Torres do Allo presenta unha exposición temporal centrada na publicación “Zas polo miúdo”.

A través dunha escolma fotográfica, recollida en sete paneis, reflíctese a riqueza patrimonial e cultural do concello a partires da detallada documentación recopilada polos autores de cada unha das dezaseis parroquias de Zas.

A Concellaría de Cultura do Concello de Zas, en colaboración coa Deputación da Coruña, organiza esta exposición. A inauguración, o sábado 27 de marzo ás 18:00, correrá a cargo do Alcalde de Zas, Manuel Muíño, que estará acompañado polos autores Evaristo Domínguez e Xosé Mª Lema xunto con Manuel García Velo ‘Lito’, que foi concelleiro de Cultura do Concello de Zas entre 2015 e 2019 e o promotor da publicación así como da sección “Zas polo miúdo” na web do concello.

A exposición poderá visitarse ata o 15 de setembro nos seguintes horarios:

Semana Santa, dende o luns 29 de marzo ata o 4 de abril, de 11:00 a 20:00;

Dende o 10 abril ata o 14 de xuño, sábados, domingos e festivos, de 11:00 a 19:00;

Dende o15 de xuño ata o 15 de setembro, de luns a venres de 11:00 a 20:00 e sábados e domingos de 11:00 a 21:00.

A entrada é libre e de balde. É obrigatorio o uso de máscara. Aforo limitado.

As Torres do Allo acollen “Zas polo miúdo”, unha exposición baseada na obra homónima de Evaristo Domínguez e Xosé Mª Lema