Os esforzos do Concello de Zas por dinamizar o pazo do Allo continúan recollendo os seus froitos. Agosto de 2017 vén de confirmar que o aumento de visitantes non é algo casual, senón que é froito dunha programación cultural e turística adaptada a ampla demanda dos visitantes. Agosto volveu a ser un mes histórico, xa que se continua batendo récords e superando todas expectativas e estatísticas existentes dende que o pazo abrira as súas portas en 2005.
1984 persoas achegáronse ao pazo máis antigo de Galicia para visitalo libremente e delas 963 puideron gozar das actividades complementarias dos meses de verán, destacando as “Visitas Teatralizadas” que obtiveron 438 usuarios seguidas da actividade “Xogo de pistas” na que participaron 187 persoas, ou o ciclo de “Clásica nas Torres”que congregou a 126 asistentes. Todo isto supón un incremento do 126% respecto do mes de agosto do ano anterior e un 42% máis que no mesmo mes en 2015. O monumento declarado Ben de Interese Cultural no 1999 consolídase como parte das visitas imprescindibles no xeodestino Costa da Morte, de onde proceden un 27% dos visitantes. O pazo das Torres do Allo, atrae a público de tódalas procedencias e nacionalidades. Destacan sobre todo Madrid, Cataluña, País Vasco e Castela e León como as Comunidades Autónomas de maior afluencia. Un 36% dos visitantes veñen doutras partes de Galicia atraídos/as pola historia do pazo e a excepcionalidade da súa arquitectura e contorna.
A falta de cinco meses para pechar o ano, Torres do Allo está preto de duplicar as cifras de visitantes de todo o ano 2016. A nova xestión do monumento continúa coas actividades en setembro: visitas guiadas, xogos en familia e concurso de fotografía.