O vindeiro mes de maio arrincan as actividades escolares propias das Torres do Allo con visitas didácticas e obradoiros para cada ciclo.
Tódolos venres, o Pazo do Allo estará aberto para que os centros escolares poidan visitalo con reserva previa.
A Concellería de Cultura do Concello de Zas ten listo un ambicioso programa didáctico para o monumento das Torres do Allo. A partir do vindeiro mes de maio arrincan as actividades didácticas propias do pazo que se realizarán os venres baixo reserva dos centros educativos.
As Torres do Allo é un lugar idóneo para realizar unha visita escolar nun entorno natural, auténtico e estimulante. A través das visitas didácticas, adaptadas a cada ciclo educativo, o alumnado descubrirá os valores artísticos, históricos, medioambientais, científicos e etnográficos que atesoura o Pazo do Allo e tódolos elementos que compoñen o ben.
As visitas educativas ás Torres do Allo complétanse cunha variada oferta de obradoiros didácticos adaptados a cada ciclo escolar. Para o ciclo de Infantil haberá un taller de plantación de sementes chamado “Sementes do Allo”. Os cursos de 1º a 4º de Primaria poden optar por facer o obradoiro de tecido artesán “Tecendo a miña roupa”. Para 3º a 6º de Primaria hai preparado o circuíto de probas a “Xincana do Allo”; e o alumnado de 5º de Primaria a 4º da ESO poderá optar por aprender todo sobre os escudos heráldicos co obradoiro “Escudo de Familia”.
Os centros educativos poden descargar o Cartafol Escolar no menú “Visitas/escolares” onde atoparán tódolos detalles relacionados cos obradoiros e visitas didácticas. Tódalas actividades, visitas e obradoiros son de balde. Tamén poden informarse a través do enderezo electrónico info@torresdoallo.gal.