O Concello de Zas continúa coa aposta polo seu Patrimonio Cultural na terceira edición das “Monografías do Allo”, que terá lugar o vindeiro 30 de novembro nas Torres do Allo a partir das 16:30.
Baixo o título de “As Torres do Allo e o devir dos tempos. Forma, función, contexto” e da man de dous coñecidos convidados, o investigador Carlos José Galbán Malagón e o divulgador cultural Miguel Ángel Cajigal Vera El Barroquista, poremos o foco na historia, na función e na estética do pazo máis antigo de Galicia.
- “Dous conceptos, un mesmo uso. As Torres do Allo no seu contexto (S. XIV-XVII)” será o título da intervención de Carlos J. Galbán, doutor en Historia pola Universitat de Barcelona, que analizará os conceptos de pazo e castelo coma dúas caras dun mesmo proceso de señorialización, contextualizando o proceso constructivo das Torres do Allo, coma un edificio propio da nobreza e agrupado en torno á Casa de Moscoso.
- “O barroco e o pasado: intervencións barrocas na arquitectura doutras épocas” será o relatorio de Miguel A. Cajigal, licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago e tamén coñecido polos seus perfís sociais de Twitter e Youtube como “El Barroquista”. A través de diversos exemplos, amosará que a ampliación levada a cabo no pazo máis antigo de Galicia no Barroco é unha mirada ao pasado común a outros procesos arquitectónicos desenvolvidos neste periodo artístico.
Unha actividade para non perder, orientada a toda a veciñanza. A entrada é libre e de balde. Agardámosvos!
EL BARROQUISTA E CARLOS J. GALBÁN CONVIDADOS ÁS “MONOGRAFÍAS DO ALLO”