O Concello de Zas, na súa labor incansábel de apostar pola cultura para dinamizar o patrimonio, vén de celebrar o pasado sábado 18 de novembro, o primeiro magosto nas Torres do Allo.
Foi unha das festas máis esperadas do outono. E non defraudou. Foron centos de veciñ@s e visitantes @s que se achegaron dende as 18:00 ó pazo máis antigo de Galicia para gozar dunha auténtica festa galega, que nesta primeira edición estivo dedicada ó baile e á música.
Houbo unha auténtica e completa foliada grazas ás actuacións de: O Ghusto do Boi, a Asociación Cultural Adro e a Asociación de Baile Tradicional Churía. Durante o baile, tod@s @s que necesitaron repoñer folgos puideron dar boa conta das famosas filloas zaenses e dunha degustación gratuíta de saborosas castañas asadas ou fritidas da IXP Castaña de Galicia.
@s asistentes puideron desfrutar dunha festa rachada 100% galega. As Torres do Allo convertéronse nun espazo de celebración, convivencia e comunidade a través das tradicións culturais galegas. Torres do Allo serviu de marco excepcional para este Magosto do Allo onde se xuntaron patrimonio histórico, cultural, etnográfico e, por suposto, gastronómico!
Xa devecemos pola vindeira edición!