Durante o verán as Torres do Allo recuperan o seu popular Escape Room, unha
actividade deseñada polo Concello de Zas para coñecer a historia e segredos
do pazo máis antigo de Galicia a través dun xogo de escapismo.
Este ano o primeiro “Pazo Escape” do mundo volve ademais con temática e
probas renovadas. Agora será o demo burlón da “Torre Viexa” o que porá a
proba ás persoas participantes que deberán ir resolvendo a contrareloxo
diferentes enigmas e misterios vinculados ao edificio e aos seus antigos
habitantes para conseguir fuxir no menor tempo posible.
O Escape Room poderá facerse de luns a sábado, ás 16:00 horas da tarde e
entre o 6 de xullo e o 15 de setembro. O tempo asignado para resolver as
probas e poder escapar do pazo estará estritamente limitado a 60 minutos.
O Demoscape Room do Allo é unha actividade gratuíta, orientada a público
adulto e para participar será preciso facer unha reserva enviando un correo a
info@torresdoallo.gal cos seguintes datos:
● Nome da persoa que reserva.
● Número de participantes (entre 2 e 5 persoas).
● Teléfono de contacto.
● Correo electrónico.
● Día da reserva.
A reserva farase efectiva mediante envío dun correo de confirmación por parte
da organización das Torres do Allo.
Recoméndase traer roupa e calzado axeitado, e se chove paraugas, para
moverse polos exteriores do pazo.
Máis información no correo info@torresdoallo.gal ou no teléfono 655 71 67 43

O Demoscape Room do Allo