Continúan as actividades no pazo máis antigo de Galicia, nesta ocasión cunha exposición fotográfica centrada no pasado das Torres do Allo. As imaxes pretenden amosar as vivencias e a memoria das xentes do Allo, xunto cos anuncios nos xornais de principios do século XX e as fotografías e debuxos do arquitecto e historiador Miguel Durán Loriga dos anos 40, dan forma a esta exposición. Farase un percorrido no tempo, entre os primeiros anos do pasado século a través da prensa da época e rematando coas lembranzas do párroco D. Fidel.
Esta exposición titulada “LembranZas do Allo” será inaugurada o vindeiro venres día 29 de marzo ás 21:00 e poderá visitarse os sábados, domingos e festivos de 11:00 a 19:00, dende o 30 de marzo ata o 12 de maio. Na Semana Santa amplíase o horario, entre os días 13 e 21 de abril as Torres ndo Allo estarán abertas de 11:00 a 20:00.

Esta exposición enmárcase dentro do actual proxecto “Zas na Memoria” que está a desenvolver o Concello de Zas, a través da Concellería de Cultura, e consiste na recuperación e dixitalización de fotografía antiga de todo o municipio.

LembranZas do Allo, unha exposición de fotografía antiga