Por segundo ano consecutivo o conxunto Ben de Interese Cultural das Torres do Allo supera as cifras de visitantes na Tempada Alta que vai do 15 de xuño ao 16 de setembro. Neste 2018 achegáronse ao monumento do Concello de Zas 5.049 persoas; o que supón un espectacular incremento do 52% máis respecto do mesmo período do ano pasado, onde xa se superaran por moito o número de visitantes, con 3.304 persoas.

A finais do mes de setembro, as Torres do Allo rexistraban un total de 7.389 visitantes, superando así todo o público do ano 2017, que foi de 7.295 persoas, a falla dun trimestre para rematar o ano.

Estes datos tan positivos, nun ano no que, en xeral, apreciouse unha desaceleración no sector turístico respecto do período anterior, poden explicarse grazas ás numerosas e variadas actividades que se deseñaron e se seguen

 

a programar ao longo de todo 2018. Actividades como o Escape Room “Pazo do Allo”, o Mercado Tradicional de San Ramón, a Exposición do Traxe Tradicional da Terra de Soneira, o Día do Xogo Tradicional, o Concurso de Fotografía co Móbil “Enfoques do Allo”, as visitas teatralizadas d’Os Quinquilláns, o Xogo de Pistas “Os Segredos Ocultos nas Torres”, as visitas guiadas e o seu programa didáctico; conseguiron incrementar expoñencialmente a visibilidade do monumento e ofrecer estímulos continuos para achegarse ás Torres do Allo.

Máis visitantes que todo o 2017 xunto