711 persoas visitaron o monumento no mes de marzo: un incremento do 45% respecto do 2016 e un 230% respecto de 2017.
Tamén se superaron os datos de Semana Santa de 2017 a pesar de que esta tivo lugar en abril cunha meteoroloxía favorable.
A programación especial de Semana Santa deseñada pola Concellería de Cultura do Concello de Zas conseguiu mellorar os datos de toda a serie histórica, unha noticia moi positiva para toda a comarca.
A Mostra do Traxe Tradicional da Terra de Soneira, que permanecerá aberta ata o 29 de abril, foi un dos atractivos do monumento nestas festividades. Tamén as visitas teatralizadas de Os Quinquilláns, o xogo de pistas para as familias, e as visitas guiadas contribuíron a colleitar os mellores datos de público da historia do Pazo, tanto nun mes de marzo como nunha Semana Santa.
A pesar dunha meteoroloxía moi desfavorable e de ter lugar case un mes antes que no 2017, un total de 662 persoas achegáronse ás Torres do Allo entre o 23 de marzo e o 1 de abril deste ano. Un lixeiro incremento respecto dunha Semana Santa calorosa no 2017, no que foron 628 persoas as que visitaron o pazo. Se tomamos como referencia o mes de marzo, as estatísticas dispáranse. No mesmo mes do 2016, no que tamén cadrou a Semana Santa, houbo 488 visitas; o que supón un 45% de mellora. Pero se temos en conta o mes de marzo de 2017, con 215 visitantes, o incremento foi do 230% respecto dos mesmo mes no 2018.
Se analizamos os datos de público máis polo miúdo, observamos que o gran tirón foi protagonizado polo turismo interior de Galicia, con case un 92% do total; onde practicamente a metade das persoas visitantes procedían de fóra da Costa da Morte. As familias e as parellas foron as configuracións de visita máis repetidas, supoñendo máis dun 30% cada unha. Tamén os grupos organizados representaron unha boa porcentaxe de visitantes, con case o 22% do total.
A estes datos tan positivos contribuíron tamén as visitas escolares do programa de Turismo Escolar da Deputación da Coruña, que comezou a realizar esta actividade nas Torres neste mes de abril. Esperamos non obstante que este tipo de público infantil incremente notablemente a súa presenza no Pazo do Allo nos vindeiros meses.