A Concellería de Cultura do Concello de Zas organiza, en colaboración coa Deputación da Coruña, e coa participación especial da Asociación de Baile Tradicional Churía, a Asociación Cultural Adro, e a Asociación Cultural Castro-Meda; unha mostra de traxe tradicional que poderá visitarse no interior do Pazo do Allo do 24 de marzo ao 29 de abril.
Baixo o título “Mostra do Traxe Tradicional da Terra de Soneira“, pezas orixinais do século pasado, reproducións, fotografías antigas, recollidas audiovisuais, e traxes completos estarán ao alcance do público na sala polivalente do pazo en horario de apertura do monumento.
A Asociación Churía achega os materiais que poderán verse nesta exposición centrada nas particularidades da vestimenta tradicional deste territorio. Unha labor de busca, conservación e posta en valor inestimable, conseguindo pezas únicas de fondos privados que se poderán ver por primeira vez nesta mostra.
Tamén dentro do programa da Mostra se realizarán dous obradoiros relacionados coa confección de indumentaria tradicional. Un de flocado, organizado polo grupo de baile tradicional Churía, que terá lugar o domingo 8 de abril; e outro de elaboración de colares, organizado pola Asociación Cultural Adro, que se desenvolverá o domingo 22 de abril. Os talleres teñen un número limitado de prazas e un custe de 12€ por persoa. A inscrición para participar neles poderase facer durante toda a semana santa na propia recepción das Torres do Allo ou a través do correo electrónico info@torresdoallo.gal.