Chegar ás Torres do Allo a través da carballeira de entrada ao pazo é un auténtico espectáculo para os sentidos. Unha interminable ringleira de carballos centenarios saúda o noso paso nas dúas beiras do camiño. A sensación de estar atravesando un emocionante túnel do tempo acompáñanos con cada silueta máxica debuxada polas frondosas ramas. Unha porta natural, viva e misteriosa, que foi concibida case coma unha viaxe iniciática para acadar o repouso necesario co que contemplar a sobriedade do Pazo do Allo. Unha carballeira pola que entramos no século XXI e pola que saímos, chegando ás portas do pazo, no século XV.

Carballeira en inverno

 

Carballeira en verán

 

A carballeira do Allo foi deseñada polo naturalista de relevancia internacional Víctor López Seoane, dono do pazo entre o 1870 e o 1900. Membro da Sociedad Española de Historia Natural e do Consello Provincial de Agricultura, Industria e Comercio; López Seoane foi un excepcional botánico e zoólogo do que destacan os seus traballos sobre réptiles e anfibios de Galicia. Esta vía de acceso ao pazo sería deseñada con motivo da recente inauguración da estrada que une A Coruña e Fisterra, e que hoxe é un dos itinerarios máis frecuentados para visitar a Costa da Morte. Está composta de carballos que poden ter preto de 150 anos e pradairos, chamados comunmente ‘falsos plátanos’. O impacto visual e sensorial que producen as luces e sombras que se proxectan ao percorrela prepáranos para desfrutar abertamente do idílico contorno do Pazo do Allo.