HÓRREOS

Formando un conxunto etnográfico dun gran valor encontramos pequenas edificacións funcionais como hórreos, alpendres, muíños, fontes, un precioso pombal e as casas dos labradores, chamadas “Casas do Curro”. Os cabazos ou celeiros, como se lles chama tamén aos hórreos, constitúen en si mesmos un patrimonio histórico-artístico e están protexidos pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia. Estas construcións estaban destinadas ao almacén de millo. Os seus piares sobreelevados con basais redondos evitaban a humidade da terra e impedía aos ratos e outros animais chegar ata os produtos. As paredes de baldas con rañuras permitían a ventilación e o secado dos cereais manténdoos nun estado óptimo para o seu consumo. Os hórreos do Allo atópanse nun excelente estado de conservación e forman nunha paraxe bucólica coa verde pradeira na que están chantados.

Hórreos

 

Alpendres

 

cruceiro

 

FONTE DO GALO

A carón dos piornos encóntrase tamén a Fonte do Galo ou ‘do Picho’. Un pequeno cano de auga empedrado que está ás portas do Pazo do Allo. Esta fonte, chamada así pola figura dun galo feita en granito que hai na súa cabeceira; resulta ser o final de todo un circuíto hidráulico que percorre a finca das Torres do Allo atravesando hortas e patios. A súa construción é posiblemente moderna xa que podemos observar a reutilización das sobrepenas dun hórreo para darlle forma á estrutura. En todo caso resulta ser un acuífero de estética rústica que enriquece aínda máis a entrada e a paisaxe do Pazo do Allo.

Fonte do Galo

 

POMBAL

Nas inmediacións do Pazo do Allo aínda se conserva hoxe un magnífico pombal de planta circular. Xa en Vilar de Francos, na terra dos devanceiros dos Riobóo había un importante pombal na época de similares características. Estas construcións eran un sinal de distinción da nobreza galega. A súa posesión era un dereito exclusivo das casas señoriais, de aristócratas e eclesiásticos, habitual nos pazos galegos. Como reza o dito: Pombal, capela e ciprés: pazo é.

Pombal

 

Interior do Pombal