Outro dos grandes atractivos do conxunto histórico e etnográfico das Torres do Allo é visitar a súa capela. Construída no século XVI por Gómez de Riobóo “o vello”, a igrexa está dedicada a San Pedro, do que podemos ver unha coidada talla sedente presidindo o retablo da porta principal. A ermida ten varias características que a fan única. Destacan as dúas figuras de Adán e Eva que custodian a entrada principal do templo. Tamén cabe salientar a gran abertura enreixada que coroa a súa fachada, a cal é cadrada no canto do rosetón circular; o que lle confire sobriedade e carácter. Outra das curiosidades polas que paga a pena visitar este santuario é o seu atípico campanario lateral, escasísimo na arquitectura relixiosa galega.

Fronte enreixado

 

Detalle Adán

 

Detalle Eva

 

O seu conxunto renacentista está sementado de detalles arquitectónicos de gran valor. O retablo-portada presenta un estilo clasicista que era empregado a principios do XVI en Compostela polos grandes mestres. A súas liñas proporcionadas e claras recordan a fachada do colexio de Fonseca en Santiago. Acompañando a San Pedro están dúas imaxes en granito, unha da Virxe e outra de San Gabriel. Podemos encontrar unha talla de San Pablo espada en man enriba da porta lateral do templo. A riqueza da ornamentación complétase con motivos vexetais nas columnas frontais que apuntan a un avance do estilo barroco.

Retablo

 

Detalle San Pedro

 

Detalle San Pablo

 

A capela foi restaurada no 1989, polo que presenta un estado de conservación formidable. No seu interior atopamos un solemne presbiterio cun retablo principal excelentemente conservado. Tamén no seu interior existen dous altares colaterais adicados a San Antonio de Padua e a San Ramón. O imaxinario santoral complétase coa figura da Virxe do Carme.

Interior • © José Manuel Yáñez.

 

Vista xeral

 

Campanario

 

As terras do Allo concentraban o poder laico na Casa dos Riobóo e o poder eclesiástico na Igrexa de San Pedro do Allo. Estas dúas elites complementábanse pero tamén por veces competían polo control do poder; de aí a curiosidade de que a capela do Allo estea enfrontada fisicamente coa fachada do pazo.

Panorámica aérea con igrexa e pazo

 

Pergameo de San Pedro • © José Manuel Yáñez.

 

Vista lateral do campanario