O souto do Allo constitúe un dos valores paisaxísticos e naturais máis destacados da contorna do pazo. Un frondoso bosque de castiñeiros que supuxo unha verdadeira reserva alimentaria cando as castañas eran parte fundamental da dieta da poboación. Unha carballeira que forma unha reserva biolóxica para especies autóctonas de plantas e animais de todo tipo. Un lugar para desfrutar con calma nos días de calor baixo a tupida sombra das árbores.

Os castiñeiros son algo máis ca árbores fermosas e produtivas. Forman parte inseparable da cultura, da historia e da gastronomía do país. Antes da chegada da pataca procedente das Américas, a castaña constituía a base da alimentación de calquera persoa en Galicia. Velaí que sexa un produto de valor etnográfico cargado de lendas e contos fantásticos. Algunha destas historias máxicas di que nos soutos hai tesouros agochados pero que non se deben buscar pois cando se atopen virán desgrazas e calamidades. Unha lenda similar inspirou unha das festas máis divertidas do concello que se celebra a finais de agosto: o Festival da Carballeira de Zas.

Souto do Allo – por Luís M. Ferrer

 

Nas Torres do Allo, un souto desta envergadura servía seguramente para algo máis que para recoller os froitos. A madeira nobre do castiñeiro utilizouse probablemente para a fabricación de moitos mobles das habitacións de todo o pazo. Salóns, corredoiras, despachos, alcobas, e outros apousentos estarían repletos de mobiliario de alta calidade elaborado a partir dos toros das árbores do souto do Allo.