O mes de agosto no monumento máis visitado do Concello de Zas pechou coa recuperación da festa e mercado tradicional do San Ramón que tivo lugar o día 31 diante mesmo das Torres do Allo. A esta actividade organizada pola Concellería de Cultura en colaboración coa veciñanza, produtorxs e artesanía da comarca, acudiron máis de duascentas persoas. Un tirón final para completar un agosto de récord absoluto no pazo máis antigo de Galicia, que con 2.407 persoas visitantes converteuse no mellor mes dende que as Torres do Allo abriron ao público no ano 2005.

Torres do Allo estase poñendo de moda. Así o constatan os espectaculares datos de público deste ano, formando parte imprescindible xa do circuíto de turismo cultural da Costa da Morte. A isto contribúen de maneira notable, ademais do atractivo e valores patrimoniais do propio monumento e contorno, as moitas e variadas actividades que tiveron lugar en agosto. Ás visitas teatralizadas a cargo de Os Quinquilláns, tódolos domingos, asistiron 284 espectadorxs. No Xogo de Pistas “Os Segredos Ocultos das Torres” participaron 125 persoas. O II Concurso de Fotografía co Móbil “Enfoques do Allo” tamén duplicou a participación con 90 concursantes e 390 imaxes recibidas. A actividade estrela deste verán, o Escape Room “Pazo do Allo”, recibiu en agosto 163 intrépidxs xogadorxs. As visitas especiais para grupos organizados, a programación didáctica para campamentos, o cine ao aire libre e o xa citado Mercado Tradicional de San Ramón completaron esta interesante oferta deseñada para atraer a perfís de visitantes moi diversos.

Case un 45% dxs visitantes proviñan do resto do Estado; mentres que un 18% fixérono dende outras localidades galegas. O público da Costa da Morte supuxo en agosto un 19%, e un 14% do propio concello de Zas. As parellas son as que máis visitaron o Pazo do Allo con case un 40% do total. Tamén as familias, un 30%, e os grupo informais, un 25% foron configuracións maioritarias nas estatísticas deste ano.

O mellor mes dende que abriron as Torres do Allo