O conxunto arquitectónico de Torres do Allo, situado no concello de Zas, na provincia de A Coruña, é, con toda probabilidade, o primeiro dos pazos galegos. A súa construción remóntase máis de cinco séculos atrás. 500 anos de historia pasaron polas pedras que sosteñen aínda hoxe unha das casas señoriais máis fermosas de Galicia. Entre finais do século XV e comezos do XVI comezaba a construción dun edificio maxestoso que abraiou pola súa factura e concepción ás xentes do seu tempo.

 

Debuxo xeral • © José Manuel Yáñez.

 

Esta casa señorial da nobreza galega era máis que un edificio. Constituía en si mesmo unha organización social que artellaba toda unha comunidade. Harmonicamente integrado no rural, o pazo adoitaba ter asociados foros e coutos que eran traballados polo campesiñado, sobre o cal a fidalguía tiña dereitos tributarios e ás veces ata xurisdicionais. Aínda que se trata de construcións de arquitectura civil, o certo é que moitos deles conservaban trazos típicos das fortificacións como grosos muros, torres, ventás troneiras e saeteiras. No pazo das Torres do Allo estes elementos están máis presentes se acaso dadas as circunstancias que lle deron orixe.

 

Vista xeral

 

As orixes da casa do Allo aínda están pouco claras. Segundo algúns estudosos antes do pazo puido existir un castelo ou torre defensiva nalgúns dos outeiros próximos denominados Castelo Grande e Castelo Pequeno. Esta fortificación puido ser derrubada xunto a outros moitos castelos durante a Revolta Irmandiña (1467-1469) ou unha década máis tarde seguindo as disposicións dos Reis Católicos.
O certo é que nese contexto Berenguela de Moscoso, da casa Altamira, casada co fidalgo Gómez de Riobóo Vilardefrancos, da liñaxe dos Pardiñas Vilardefrancos, herda as terras do Allo. Gómez de Riobóo era vasalo dos Moscoso e, segundo a tradición familiar, era “ayo” dos seus señores. É dicir, unha persoa de confianza responsable do coidado e educación do seu primoxénito. Esta é a hipótese máis plausible para o étimo Allo que da nome ao lugar e ao pazo. Aínda que hai teorías que afirman que provén do latín “angulus”, referíndose a un meandro ou curva que fai o río que pasa preto do lugar.
Berenguela e Gómez de Riobóo tiveron catro fillos e foi o máis novo, Alonso Gómez de Riobóo, quen herdou as propiedades do Allo e edificou a torre norte do pazo, coñecida como «Thorre Viexa» en data imprecisa, pero en calquera caso entre 1480 e 1512.