Situada á esquerda do corpo central do Pazo do Allo está a Torre Sur ou Torre Nueba. Aínda que foi edificada preto de douscentos anos máis tarde que a Torre Norte, entre 1669 e 1685, garda unha continuidade estilística coa primeira. Trátase dunha auténtica réplica da torre norte que probablemente busca armar un conxunto simétrico e equilibrado formado por todo o pazo. Representa unha excepcional sensibilidade dos propietarios e constitúe un dos exemplos máis antigos de respecto ao patrimonio en materia de restauración.

A Torre Sur foi mandada construír por Gómez de Riobóo e Seixas como ampliación para a súa familia logo de acadar unha mellora considerable na posición social para a Casa dos Riobóo: “Hicimos el quarto y Torre nueba a la parte del Sur porque nos allábamos apretados de casa, que nos costó más de dos mil ducados, que uno y otro es de honrra y provecho para el Señor y poseedor de esta Casa del Allo”. Seu pai, Antonio Gómez de Riobóo casara con María das Seixas e Losada, herdeira da Casa de Cabana, unindo así o patrimonio das dúas familias. Grazas a este impulso económico, Antonio de Riobóo iniciou a restauración da torre norte, que culminaría seu fillo coa construción da segunda torre e o edificio central.

 

Torre Sur

 

A liñaxe dos Riobóo acada con este enlace un status nobiliario. Tivo a partir daquela unha relación estreita cos poderes relixiosos da época, posto que María das Seixas era irmá do Arcebispo de Santiago, Francisco das Seixas e Lousada. Probablemente por este motivo no escudo da torre apareza xunto aos símbolos dos Seixas e Losada tamen a vieira e a estrela de Compostela.

A Torre Nueba presenta unha maior altura que a norte. Aínda que imita o estilo tardo-gótico da torre norte, incorpora ao seu valor arquitectónico elementos barrocos como molduras con motivos vexetais encadrando fiestras e que servían para diferenciar xerarquicamente os dous andares do edificio. Na fiestra principal, presidida polo escudo de armas das familias, atopamos un balcón con celosías sostido por ménsulas zoomórficas propias do estilo barroco. A torre sur está coroada por gárgolas de sensacional factura que lembran aos dragais que se atopan nas rúas de Santiago, concretamente na Casa das Pomas, a Casa da Parra ou a Casa do Cantón do Toural, ornamentadas todas por Diego de Romay. Esta última era propiedade tamén de Gómez de Riobóo que por aquel entón ostentaba o cargo de Alguacil Mayor de Santiago de Compostela e do seu arzobispado.

Torre sur