A Torre Norte do Pazo do Allo é tamén chamada a ‘Torre Viexa’, tal e como figura nos documentos que a familia Riobóo conserva dende hai cinco séculos. O motivo do nome é evidente: é a primeira das torres construídas no conxunto arquitectónico que forman as Torres do Allo. Pertencente ao estilo gótico final ou tardío, a súa construción comeza entre finais do século XV e comezos do XVI por parte de Alonso Gómez de Riobóo, fillo de Berenguela Sánchez de Moscoso, da casa de Altamira e Gómes de Riobóo e Vilandefrancos; primeiros habitantes do lugar do Allo. A Torre Viexa, con dous andares no seu interior, está estreitamente ligada á unha anterior ‘casa forte’; unha estrutura cuadrangular de grosos muros tamén denominada ‘casa do allo’ sobre a que se apoiou o seu levantamento. Esta casa estaba unida á torre por un arco e mantívose en pé probablemente ata fins do século XVI.
A pesar de tratarse dunha construción civil, señorial e palaciana, a Torre Norte conserva algúns elementos defensivos propios das fortificacións. Os seus extraordinarios muros macizos, a austeridade estrutural, as saeteiras dende onde se poden disparar frechas e a existencia dunha única porta de entrada reforzada confirman á Torre Viexa como unha réplica civil do que tería sido o castelo do Allo. Non obstante, a riqueza ornamental da torre evidencian unha intención de transcendencia artística e referente de poder na comarca.
Aínda hoxe impresiona contemplar, mentres nos achegamos a través da carballeira de entrada, o conxunto formado pola Torre Norte (a da dereita), o corpo central e a Torre Sur ou ‘Torre Nueba’ construídos case douscentos anos despois da primeira.