Mentres a tendencia de afluencia turística deste 2018 parece máis discreta que no ano anterior, o monumento do Concello de Zas vén de superar por moito as cifras de visitantes do pasado 2017.
Tan só durante o mes de xullo as Torres do Allo tiveron máis de 1.500 visitantes; lo que supón un incremento de máis do 50% con respecto do mesmo mes do ano anterior. Unha media de 51 persoas diarias achegáronse para visitar libremente o museo, realizar as visitas guiadas, o xogo de pistas, asistir ás teatralizadas, ou participar das actividades especiais como o concurso de fotografía, o cine ao aire libre ou o Día nas Torres para nenxs.
É de destacar tamén o cambio de tendencia no perfil visitante que se produciu grazas á actividade estrela deste verán: o Escape Room “Pazo do Allo”, con máis de 500 participantes de todas partes de Galicia. Este xogo de escapismo conseguiu atraer ao pazo máis antigo de Galicia á mocidade de entre 16 e 30 anos, un público que antes se situaba á cola das estatísticas e que agora vén de duplicar os seus datos con máis de douscentos mozos e mozas.
En canto á procedencia dos visitantes destaca neste mes de xullo o público chegado do resto do Estado con máis dun terzo do número total. Os galegos e galegas de todas partes do país constituíron o grupo máis numeroso cun 43% das visitas totais. As persoas procedentes da Costa da Morte foron algo máis de douscentas, un 14%; mentres que xs visitantes do propio concello de Zas non pasaron do 8%. Corenta e cinco persoas chegaron tamén doutros países europeos.