Como cada 31 de agosto a parroquia de O Allo celebra o San Ramón. E co fin de continuar coa recuperación desta romaría tan popular entre a nosa veciñanza, o Concello de Zas deseñou un programa de actividades, en colaboración coa Deputación da Coruña, que se desenvolverá o propio día da festa na contorna do pazo das Torres do Allo.
Entre as 11:00 e as 15:00 horas haberá diferentes postos de artesanía da zona (liño, encaixe, xoias, instrumentos musicais, cesteiría, palla, debuxos feitos con café, complementos,…). Esta é unha romaría para toda a familia, así que a partir das 12:00 horas realizaremos un obradoiro infantil de barro para o que é necesario anotarse en calquera destes números de teléfono: 981 75 13 98 / 981 71 80 56. Ao longo da mañá tamén haberá demostracións sobre a montaxe de pandeiretas, elaboración de cestos e de creacións con palla trenzada.
Tamén teremos música ao vivo e iso das 13:30 horas o grupo “Tres Pesos” ofreceranos un concerto cheo de sentimento, rítmo e cor que amosa sen complexos a vitalidade e a contemporaneidade da nosa música de raíz. Toda unha reivindicación da música como necesidade vital do ser. Os doce temas que o compoñen son unha aposta por amosar a potencialidade de boa parte das mesturas tímbricas existentes na nosa tradición viaxando dende as melodías de gaita, clarinete e acordeón ata as inmensas posibilidades das percusións tradicionais e das nosas voces, tanto monódicas como polifónicas
E despois darémoslle paso ás tradicionais merendas de campo nun espazo habilitado para este fin e ao que se poden unir todas aquelas persoas que o desexen coa súa propia comida. Tamén haberá unha pulpeira, que estará instalada diante do bar-restaurante das Torres do Allo.