O vindeiro 31 de agosto volve a romaría de San Ramón ás Torres do Allo; un evento que conta con máis de catro séculos de historia e que o Concello de Zas recuperou hai uns anos. O cartel inclúe un completo programa de actividades que se desenvolverán na contorna do pazo das Torres do Allo cumprindo as medidas de prevención da Covid19 do momento establecidas polas autoridades sanitarias.
Toma nota das actividades, porque hainas para toda a familia!
Postos de artesanía
Entre as 10:00 e as 15:00 horas do 31 de agosto instalaranse varios postos de artesanía da zona; nos que atoparemos traballos realizados co liño, encaixe, cestos, xabróns, xoias, complementos,…
Obradoiros de cestería, liño, encaixe e barro
Ao longo da mañá realizaranse pequenos obradoiros de cestería, liño, encaixe e barro para que toda aquela persoa que visite o mercado e o desexe poda afondar sobre estes oficios tradicionais. Estes obradoiros están dirixidos a todas as idades e para realizar algún deles recoméndase inscribirse previamente a través dos números de teléfono 981 75 13 98 ou 981 71 80 56. A participación é de balde.
Música ao vivo
Na celebración da Romaría de San Ramón non podía faltar a música polo que ás 13:30 horas “Arredores” ofreceranos un concerto en acústico. Este é un grupo musical creado en 2019 e que triunfa aló por onde vai coa súa música tradicional.
Merendas de campo
Este ano, como novidade, recuperamos as merendas de campo que se facían o día da festa de San Ramón polo que cada visitante pode traer a súa propia comida e desfrutala na contorna das Torres do Allo. Tamén haberá un posto de pulpeira e outro de rosquillas.
Esta unha actividade organizada polo Concello de Zas, a través da Concellería de Cultura, e que conta coa colaboración da Deputación da Coruña.