Un percorrido polas arquitecturas fidalgas da Costa da Morte

Desde 3 de Xullo está dispoñible para os visitantes a nova exposición temporal, organizada polo Concello de Zas coa colaboración da Deputación da Coruña: “Terra de Pazos. Casas grandes da Costa da Morte”.
“Terra de pazos” é un percorrido a través da arquitectura fidalga do xeodestino Costa da Morte. Un territorio extraordinariamente rico en pazos, casas grandes e construcións brasonadas, con máis dun cento de exemplos repartidos por toda a xeografía.

Pazo das Edreiras (Zas)
Pazo de Trasariz (Vimianzo)

A mostra toma como eixo central estas casas que foron moradas da nobreza rural galega, a fidalguía, unha clase privilexiada que durante a Idade Moderna viviu do aproveitamento da terra a través do cobro de rendas. Os pazos constituíron precisamente o centro económico e administrativo deste sistema económico que se desenvolveu en Galicia durante o Antigo Réxime entre o século XVI e XIX e que na Costa da Morte en particular aínda estivo vixente nalgunhas freguesías de maneira residual ata finais do século XX.

A ollada de “Terra de Pazos” achégase ademais a unha área onde a variedade construtiva é enorme. Nela podemos apreciar edificios impoñentes, rodeados de xardíns e de elevados muros como as Torres de Cereixo (Vimianzo), o Pazo de Trasariz (Vimianzo), Romelle (Zas), Soesto (Laxe) ou Vilardefrancos (Carballo). Pero tamén presta atención a pequenas arquitecturas que en moitos casos apenas se diferenciaban das vivendas de campesiños acomodados como é o caso dos pazos de Carrabete (Laxe), a casa de Alonso de Lema (Vimianzo) ou o pazo de Senande (Muxía).

Neste periplo que propón a exposición amósase o mundo dos pazos a través dos seus símbolos de prestixio (pombais, chemineas, balcóns, escaleiras); das liñaxes que os habitaron e dos seus símbolos. Trátase dunha viaxe a un mundo xa desaparecido, pero cuxas pegadas continúan presentes e visibles na paisaxe.

“Terra de pazos” é visitable durante todo o 2023 en horario de apertura do pazo.

 
Terra de Pazos, Casas Grandes da Costa da Morte.