Algo está pasando en Torres do Allo. Os esforzos do Concello de Zas por poñer en valor esta xoia da arquitectura galega parece que está dando os seus froitos. Xullo de 2017 vén de proclamarse coma o mellor mes de todo o histórico de visitantes dende que o pazo abriu as súas portas no 2005.

999 persoas achegáronse ao primeiro pazo de Galicia para visitalo libremente ou para gozar das actividades complementarias dos meses de verán. Isto supón un incremento do 21% respecto do mes de xullo do ano anterior e un 33% máis que no mesmo mes en 2015. O monumento declarado Ben de Interese Cultural no 1999 comeza así a formar parte das visitas imprescindibles no xeodestino Costa da Morte, de onde proceden un 25% dos visitantes. O triángulo formado polo Dolmen de Dombate, a tan só 7 km; o Castelo de Vimianzo a 12 km; e o pazo das Torres do Allo, atrae a público de tódalas procedencias e nacionalidades. Destacan sobre todo Madrid, Cataluña, País Vasco e as Illas Baleares como as Comunidades Autónomas de maior afluencia. Un 38% dos visitantes veñen doutras partes de Galicia atraídos/as pola historia do pazo e a excepcionalidade da súa arquitectura e contorna.

A falta de seis meses para pechar o ano, Torres do Allo está preto de alcanzar as cifras de visitantes de todo o ano 2016. A nova xestión do monumento continúa coas actividades en agosto: concertos ao aire libre, cine, teatro, xogos en familia, concurso de fotografía. Consulta a nosa axenda!

Torres do Allo bate récord de visitantes.