A pesar de encontrarse abertas en horario máis reducido, a afluencia de visitantes a Torres do Allo non cesa, xa sexa en grupos organizados, actividades complementarias, visitas escolares, ou en visitas espontáneas. Torres do Allo continúa a ser un importante recurso cultural e turístico da Costa da Morte.

763 persoas achegáronse ao pazo do Allo para visitalo libremente ou para gozar das actividades complementarias que se celebraron durante o mes de setembro. Isto supón bater todos os rexistros coñecidos; un incremento do 60,21% respecto do mes de setembro do ano anterior e un 49,5% máis que no mesmo mes en 2015. Torres do Allo, atrae a público de tódalas procedencias e nacionalidades. Destacan sobre todo a afluencia de visitantes doutras Comunidades Autónomas ao redor do 47%, na que Madrid representa máis do 75% e a moita distancia sitúanse Cataluña, Andalucía e Castela e León. Algo máis do 27% dos visitantes veñen doutras partes de Galicia atraídos/as pola historia do pazo e a singularidade da súa arquitectura. Os visitantes da Costa da Morte suman algo máis do 20%.

Torres do Allo contou durante o mes de setembro con actividades complementarias, que foron un éxito de participación e seguimento; o concurso “ENFOQUES DO ALLO” e a súa entrega de premios, xerou que o monumento zaense tivese un impacto cultural nas redes sociais tremendamente positivo, cun alcance de 14.325 persoas.

A nova xestión do monumento, a cargo do Concello de Zas, continúa coas actividades en outubro: o xogo de pistas, visitas escolares, visitas guiadas e o ciclo de conferencias “MONOGRAFÍAS DO ALLO”, onde todos os sábados a partir do 14 de outubro ás 17h. reputados especialistas falarán de diversas temáticas e guiarán aos asistentes dunha forma ata agora nunca abordada polo tesouro etnográfico do Allo.

Torres do Allo estreou outono cun sorprendente tirón turístico.