Coincidindo co inicio da Semana Santa, o Alcalde de Zas, Manuel Muíño
Espasandín; e o Concelleiro de Deportes e Turismo, José Manuel Brenlla; presentaron
onte venres 8 de abril pola tarde a programación de actividades das Torres do Allo.
Segundo manifestou o rexedor o 2022 suporá un importante reforzo á
programación cultural das Torres con maior número e diversidade de actividades. Para
abrir boca, na Semana o pazo abrirá de maneira continuada entre os días 9 e 17 de
abril en horario ampliado de 11 a 20h. As persoas que se acheguen ás Torres poderán
visitar a espectacular exposición “Galicia con Exín Castillos”, realizada pola asociación
Exin Castillos & West, na que se mostran maquetas dalgúns dos máis senlleiros
monumentos galegos realizados con pezas do popular xoguete da década de 1980.
Aqueles que desexen afondar un pouco máis na apaixonante historia do pazo terán a
posibilidade de participar nunha das visitas guiadas diarias que se farán ás 13 e ás 17h
e os máis cativos contan coa opción do Xogo de Pistas “Os secretos Ocultos nas
Torres”.
Ao longo do ano terán especial importancia as actividades orientadas a nenos e
nenas entre as que destacan os obradoiros especiais temáticos. O primeiro deles terá
lugar o 23 de abril para conmemorar o día do Planeta. Posteriormente farase o
tradicional obradoiro de San Xoán o 23 de xuño e rematarase o ano con dous talleres
de nadal o 17 e 18 de decembro.
De cara ao verán o pazo será tomado pola cativada que participará no
campamento “Zas no verán 2022” e a música retornará ás Torres da man da cantante
FAIA co o seu novo espectáculo o 22 de xullo pola tarde. O sábado 23 de xullo terá
lugar un evento especial titulado “Xornada sobre o Liño: Economía Circular”. O
programa “Contos nas Torres” dedicado á narración oral traerá a dous artistas de
primeiro nivel Quico Cadaval o 20 de agosto e a Paula Carballeira o 27 de agosto.
Durante os domingos de xullo e agosto realizaranse as populares visitas
teatralizadas da man dos Quinquilláns, que mostrarán os secretos do pazo a través das
figuras do célebre naturalista galego Victor López Seoane e a súa dona e primeira
propietaria muller das Torres, Francisca Rioboo.
Recupérase tamén o “Escape Room do Allo”, este ano mudando narrativa e
con novos retos orientado ao público xuvenil e adulto. Este apaixonante xogo de
escapismo estará dispoñible baixo reserva nos meses de xullo, agosto e setembro.
O 31 de agosto festexarase a tradicional Romaría de San Ramón que incluirá
mercado de Artesanía Tradicional e a actuación musical do trío “Tres Pesos” na sesión
vermú.
No outono chegará o Samaín ao pazo cunha completa xornada na que se
incluirá un obradoiro para nenos e nenas, magosto, música tradicional e unha sesión
de contacontos ao final do día.

Concelleiro de Deportes e Turismo, José Manuel Brenlla; e o Alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín
Cartaz das Actividades Culturais 2022
Un ano cheo de novidades