Víctor López Seoane e Francisca Riobóo a súa chegada ás Torres do Allo.
As visitas teatralizadas participativas das Torres do Allo convértense nunha das citas máis agardadas e solicitadas do verán na Costa da Morte.

Tralo éxito acadado en programacións anteriores, onde superaron o millar de visitantes, este verán volven a ser unha das actividades que deseña a Concellería de Cultura do Concello de Zas para a dinamización do monumento máis relevante do Concello.

Trátase dunha actividade dirixida a tódolos públicos, pensada para desfrutar e dar a coñecer dunha forma amena, participativa, orixinal e lúdica o patrimonio.

Ao longo deste verán son numerosos os visitantes que se achegan as Torres do Allo para poder retroceder no tempo da man dos antigos propietarios do pazo, Francisca Riobóo e o naturalista Vítor López-Seoane. Así, cada domingo ás 19:30h. comézase con Francisca Riobóo recibindo aos visitantes e confundíndoos con campesiños que chegan a pagar as rendas das súas colleitas e dende ese momento estes realizan unha viaxe de cincocentos anos na que coñecer en profundidade como eran as persoas que habitaron o pazo sen deixar nunca de lado o humor e a creatividade.

Unha actividade accesible a tódolos públicos e de balde que se poderá seguir desfrutando todos os domingos de xullo e agosto ás 19:30. Non é necesaria reserva previa só tendes que… ¡Achegarvos a Zas!

Visitas teatralizadas os domingos de xullo e agosto.