O alcalde do Concello de Zas, Manuel Muiño e o concelleiro de Cultura e Turismo, Manuel García, continúan apostando por converter ó seu patrimonio nun referente de boa xestión, cunha programación de calidade vinculada ó ámbito cultural. Dentro de todas as actividades que se veñen realizando, encamiñadas a engrandecer o seu patrimonio destacan as recentes arredor dos seus tesouros etnográficos, “ruta dos pazos” ou “ruta de Brandomil”. Agora unha das actividades que se suma serán as “Monografías do Allo”. Un ciclo de conferencias que compaxina moi ben coas visitas, actividades e actual dinamización das Torres do Allo.
Coas “Monografías do Allo”, comeza un ciclo de conferencias que esperamos poida consolidarse como referente. Desenvolveranse todos ós sábados de outubro ás 17h no propio pazo e a asistencia será de balde, como todas as actividades que se realizan en dito monumento. Será un ciclo multidisciplinar, xa que as Torres do Allo, foron e son un eixe cultural que ó longo de toda a súa historia estiveron vinculadas a múltiples ámbitos intelectuais a nivel mundial. Por este motivo, as “Monografías do Allo” que se presentan, abarcan unha pluralidade de disciplinas que as fan realmente atractivas para coñecer o grandísimo valor inmaterial que atesoura o pazo.
O ciclo de conferencias comezará o 7 de outubro co Doutor en Historia da Arte, Jesús Ángel Sánchez, máximo investigador das Torres do Allo. O sábado seguinte, será a quenda dun dos poñentes máis esperados, o recoñecido arquitecto galego, Iago Seara, responsable da restauración do pazo. O sábado 21 estará destinado a ciencia e non podería estar mellor representada que polo Doutor e Catedrático de Bioloxía e Xeoloxía Xosé A. Fraga Vázquez , o maior coñecedor do naturalista das Torres, Víctor López Seoane. Finalizará o ciclo o sábado 28, co presidente da SEMESCOM, Catedrático de Xeografía e Historia, Xosé Mª Lema, investigador de referencia para coñecer en profundidade as casas fidalgas na Costa da Morte.
Cada sábado ao remate das conferencias, os asistentes terán oportunidade de realizar unha visita guiada moi especial, pois correra a cargo dos propios poñentes. Unha ocasión única para ter unha interpretación das Torres do Allo dende as perspectivas dos diferentes expertos; algunhas tan descoñecidas ata agora como a que nos ofrece o arquivo familiar, a súa reconstrución, ou incluso a de como eran realmente os persoeiros ilustres que moraron e visitaron o pazo do Allo.
Unha cita ineludible para os sábados de outubro ás 17h nas Torres do Allo.
Poden reserva xa a súa praza no correo electrónico info@torresdoallo.gal.