Á liñaxe dos Riobóo pertencen catedráticos, xuíces, avogados da realeza, sacerdotes, coroneis, cabaleiros da Orden de San Xoán, altos militares, etc, ademais existe unha estreita conexión co Arcebispado de Compostela. A Casa dos Riobóo chegou a ser por tanto unha das grandes casas da nobreza galega que dende a época medieval tivo unha forte influencia na comarca. Unha das poucas familias que ten conservado o seu patrimonio de xeración en xeración mantendo o apelido Riobóo grazas á sucesión pola fórmula do vinculeiro. A historia desta familia remóntase cincocentos anos no tempo, ata os nosos días.

O ‘AYO’, O PRIMEIRO RIOBÓO

Os Riobóo comezan a súa andaina no Allo a mediados do século XV, cando Berenguela Sánchez de Moscoso, da familia Moscoso (casa de Altamira), casa con Gómes de Riobóo Vilardefrancos, o vasalo (‘ayo’) dos Moscoso. Gómes nace cara o 1430 en San Martiño de Riobóo, fillo da Casa dos Pardiñas Vilardefrancos, familia fidalga da comarca de Bergantiños. Tra-la desaparición da fortaleza do Allo, o matrimonio Riobóo trasládase a terras máis baixas e comezan a construción do que será o primeiro pazo galego sobre a existente ‘casa antiga’ ou ‘casa do allo’.

ALONSO, O CONSTRUTOR DA TORRE NORTE

O herdeiro do matrimonio, Alonso Gómes de Riobóo e Vilardefrancos, nacido en 1460, será oficialmente o primeiro Señor do Allo.  Baixo a dirección deste Riobóo, e de seu fillo de mesmo nome, remataranse as obras da ‘casa do allo’ e construirase a chamada Torre Norte, obras que rematarán cara o ano 1512.

Sinatura Alonso

 

GÓMES DE RIOBÓO, ‘O VELLO’

Fillo do segundo Alonso Gómes de Riobóo e Vilardefrancos casado con Inés Mosqueira nace, nos polos anos vinte do S.XVI, Gómes de Riobóo Vilardefrancos ‘o Viexo’. Este Riobóo foi o impulsor da construción da Igrexa de San Pedro do Allo que substituiría á capela parroquial de Santa María de Lamas, nas terras de Soneira; aínda que el non chegaría a ver rematada a obra xa que faleceu en 1578 antes da súa finalización. Gómes ‘o Vello’ foi o que instaurou o morgado do Allo na familia dos Riobóo. Tamén chamado vinculeiro, trátase dunha institución orientada a manter os bens da familia unidos para poder herdalos. É así como as Torres do Allo conseguen pasar de Riobóo en Riobóo sen resultar divididas, nin parceladas entre os distintos/as descendentes. O patrimonio familiar pasaba a mans do fillo maior unha vez morto o pai, de tal xeito que as propiedades dunha liñaxe só podían aumentar.

GÓMES DE RIOBÓO, ‘O MOZO’

Este Riobóo, fillo do anterior, sería o primeiro sucesor do vinculeiro do Allo. Gómes de Riobóo e Vilardefrancos ‘o Moço’ casado con Leonor Varela de Dubra, da Casa de Arixón, naceu sobre o 1540. ‘O Mozo’ foi ó parecer un dos Riobóo máis belixerantes, posto que participou en guerras e batallas defendendo a coroa contra os Mouriscos de Granada. Tamén figura nos arquivos particulares da familia un preito co seu cuñado, procurador do na Audiencia do condado de Altamira, por atacar a uns criados “lanza en man”. A causa deste suceso Gómes de Riobóo foi preso na carcel maior do condado de Altamira, probablemente no castelo de Vimianzo. Gómes de Riobóo ‘o Mozo’ participou tamén na defensa de A Coruña que estaba sendo atacada no 1589 polo inglés Francis Drake. A el debemos a finalización das obras de San Pedro de Allo, onde é enterrado no 1600.

ANTONIO E FILLOS, CONSTRUTORES DA TORRE SUR

No 1644 a fortuna da liñaxe dos Riobóo Vilardefrancos vira en sentido positivo. Antonio Gómes de Riobóo Vilardefrancos esposa neste ano con María das Seixas e Losada, herdeira da rica Casa de Cabanas. A liñaxe dos Seixas posuía terras que ían dende a ría de Betanzos ata o Condado de Villalba. Ademais, o irmán de María era Francisco das Seixas e Losada, primeiro bispo de Salamanca, e despois nomeado por Carlos II como arcebispo de Compostela. Con este enlace os Riobóo dan un salto cualitativo nos seus títulos e cuantitativo na súa riqueza. Antonio de Riobóo comeza grazas a este status as obras de reforma da Torre Viexa e a ampliación da casa para formar o corpo central que hoxe coñecemos. Pero as pretensións de Antonio non fican aí. Inicia tamén a construción da súa morada urbana en Santiago de Compostela que hoxe podemos atopar no número 6 do Cantón do Toural.

Francisco Das Seixas e Losada. 1681.

 

Casa do Toural, Santiago de Compostela

 

Sinatura de Antonio

 

Sinatura de Gomes

 

Seu fillo Gómes de Riobóo e Seixas, continuaría as obras de remodelación de seu pai e acometería a construción da Torre Nueba a imaxe da outra torre, formando o conxunto arquitectónico sublime que hoxe coñecemos. Durante a lonxeva vida deste Riobóo que finaría no 1732, no Allo edificáronse tamén moitas construcións anexas que hoxe se conservan; coma os hórreos, alpendres, muíños, as casas do Curro, o pombal, o xardín barroco, e a fonte de San Ramón. Esta importante ampliación da conta do músculo financeiro que chegaron a ter os Riobóo logo da súa alianza cos Seixas de Cabanas.

Poema da Barca

 

Foi irmán deste Gómes o importante escritor e biógrafo Antonio de Riobóo Seixas Vilardefrancos. Antonio ‘o historiador’ chegou a ser membro de honra da Real Academia da Historia, na que entraría no 1748. Tamén é coñecido por ser o autor do poema sagrado sobre o Santuario da Virxe da Barca chamado “La Barca más prodigiosa”. Por descontado, é o autor tamén de grande parte dos escritos conservados referidos á Casa dos Riobóo.

NICOLÁS DE RIOBÓO, o ilustrado

No 1775, as Torres do Allo son herdadas por Nicolás María Riobóo, Becerra, Varela e Seixas, aínda menor de idade. Mariño de profesión, nomeado Cabaleiro da Real Maestranza de Ronda, foi un dos Riobóo máis inquedos culturalmente. Influenciado polos movementos de renovación intelectual da ilustración francesa, participou como socio fundador da Sociedade Económica de Amigos do País do Reino de Galicia no 1784 en Santiago de Compostela. Unha institución filantrópica que puxo en marcha Escolas de Artes e Oficio, de Letras, Academias de Debuxo, de Modelado, Escolas de Francés, de Comercio, de Administración, o Conservatorio de Música, e ata unha Cátedra de Agricultura.

Documento da Sociedade

 

FRANCISCA DE RIOBÓO

No 1868 o morgado sucesorio de liña masculina rómpese ao testamentar Francisco de Riobóo na súa única filla Francisca. É pois a primeira muller en herdar o couto do Allo. Aínda que casa en primeiras nupcias co seu curmán Nicolás, da Orden de San Juan, fillo do Marqués de San Isidro, para manter a liñaxe Riobóo; este morre no 1869 sen descendencia. Francisca de Riobóo Álvarez esposa entón co célebre naturalista Víctor López-Seoane (ver sección Cartas a Darwin), e o Pazo do Allo cobra unha nova e inesperada vida con numerosas plantacións de árbores e axardinamentos.

RIOBÓO CONTEMPORÁNEOS

Tra-la morte de Francisca de Riobóo, xa no século XX, rómpese a tradición do vinculeiro que establecía que tódalas propiedades recaesen no maior dos proxenitores á fin de manter o patrimonio familiar unido. Así pois, no 1920 as terras do Allo son repartidas entre os seus descendentes Francisco, Sara e Luís López-Riobóo, xunto con posesións en Cabana e Bidueiro que supoñían fincas e morgados que se diseminaban por 48 concellos. Daquela o Allo contaba cuns 230 habitantes e unha escola nacional de nenos, onde curiosamente era mestra a nai do gran poeta Manuel Antonio. Ao fillo de Francisco; Luís Pardo López-Riobóo, prestixioso avogado en activo, e ao seu curmán Rafael, debemos a conservación do importante documento histórico do Arquivo Familiar dos Riobóo.