A fachada do Pazo do Allo constitúe un valor arquitectónico de primeira orde. O seu deseño complétase uns 200 anos despois do levantamento da Torre Viexa, que se fixera entre fins do século XV e comezos do XVI, incorporando elementos góticos e renacentistas. A finais do século XVII, Gómez de Riobóo, impulsou a construción da Torre Sur (Torre Nueba) e a unión da antiga torre (Torre Viexa) ao corpo central que hoxe coñecemos. Esta ampliación do edificio está sen dúbida vinculada ao enorme incremento patrimonial da familia Riobóo na xeración anterior grazas ao casamento entre Antonio Gómez de Riobóo Villarderancos (1620-1972) e Dona María das Seixas, importante e nobre señora da Casa de Cabana, irmá do Arcebispo de Santiago de Compostela, Francisco das Seixas e Lousada.
A ampliación do pazo é extraordinaria pola monumentalidade que adquire o edificio pero tamén pola intención de darlle uniformidade á construción copiando de maneira case exacta o estilo da Torre Viexa na Torre Nueba e colocando ao longo de toda a fachada unha sorte de cordón (alfiz) decorado con motivos de flores.
A fachada do pazo do Allo é por tanto un interesante crisol de estilos onde se poden ver elementos de tradición gótica como as fiestras con mainel ou o alfiz que percorre a fronde do edificio e outros tipicamente barrocos como o balcón da torre sur e as súas ménsulas que representan figuras de aladas mitolóxicas (harpías ou grifóns), posiblemente inspiradas nas figuras dos balcóns do Hospital dos Reis Católicos de Santiago talladas por frei Tomás Alonso.
Tamén de estilo barroco é o extraordinario conxunto de gárgolas situadas ao longo do beirado do tellado que representan leóns, serpes, e no centro das dúas torres un home cabalgando un cano. A súa función era dobre, para expulsar a auga da choiva, pero tamén como elemento de prestixio para conferir distinción e maxestuosidade ao edificio.