O 29 de marzo, o Alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín e a Concelleira
Patrimonio, Natalia Espasandín Pazos, presentaron a programación de actividades das
Torres do Allo.
O rexedor manifestou o obxectivo do concello de Zas de converter ás Torres do
Allo nun referente cultural na Costa da Morte á través dunha programación que ano
tras ano aposta pola calidade e a diversidade da súa oferta.
A primeira cita será coa chegada inminente da Semana Santa, cando o pazo
ampliará os seus horarios abrindo de maneira continuada entre os días 1 e 9 e abril en
horario de 11 a 20h. Todas aquelas persoas que desexen afondar un pouco máis na
apaixonante historia das Torres terán a posibilidade de participar nunha das visitas
guiadas diarias que se farán ás 13 e ás 17h e os máis cativos contan coa opción do
Xogo de Pistas “A aventura do Allo”.
En maio inaugurarase unha nova exposición temporal titulada “Terra de
pazos”, na que se fará un percorrido polos principais pazos do concello de Zas e a
singular arquitectura fidalga da Costa da Morte.
Ao longo do ano terán especial importancia as actividades orientadas a nenos e
nenas entre as que destacan os obradoiros especiais temáticos. O primeiro deles terá
lugar o 22 de abril para conmemorar o día mundial da Terra. Posteriormente, o 13 de
maio farase un taller para conmemorar o día das letras galegas, dedicado este ano ao
intelectual Francisco Fernández del Riego; continuarase co tradicional obradoiro de
San Xoán o 23 de xuño e rematarase o ano con dous talleres de nadal o 16 e 17 de
decembro.
De cara ao verán, o pazo será tomado pola cativada que participará no
campamento “Zas no verán 2023” e a música seguirá sendo un dos principais
atractivos das Torres co dúo Tania Caamaño e Andrés Boutureira, que actuarán o 19
de xullo pola tarde. O programa “Contos nas Torres” dedicado á narración oral traerá
a dous artistas de primeiro nivel: María da Pontragha o 19 de agosto e a Caxoto o 25
de agosto.
Durante os domingos de xullo e agosto realizaranse as populares visitas
teatralizadas da man dos Quinquilláns, que mostrarán os secretos e a historia do pazo
a través das figuras do célebre naturalista galego Victor López Seoane e a súa dona e
primeira propietaria muller das Torres, Francisca Rioboo.
Volve o popular “Escape Room do Allo”, este ano mudando narrativa e con
novos retos orientado ao público xuvenil e adulto. Este apaixonante xogo de
escapismo estará dispoñible baixo reserva nos meses de xullo, agosto e setembro.
O 31 de agosto festexarase a tradicional Romaría de San Ramón que este ano
ampliará a súa oferta de actividadees. Comezará co Mercado de Artesanía Tradicional
pola mañá, continuará coa actuación musical do trío “Ailá” na sesión vermú, despois
unha comida campestre no contorno das Torres e pola tarde actividades para nenos e
nenas da man de Paco Nogueiras e o seu espectáculo C@nto Contigo!
No outono, o 28 de outubro chegará o Samaín ao pazo cunha completa
xornada na que se incluirá un obradoiro para nenos e nenas, magosto e música
tradicional.

 

As Torres, un lugar de referencia cultural no 2023