Este 15 de setembro remata a tempada alta no pazo máis antigo de Galicia. Durante este verán recibimos a máis de 4.000 visitantes que puideron gozar da completa programación do Allo organizada polo Concello de Zas e a Deputación da Coruña. Nas Torres do Allo tivemos actuacións musicais a cargo de Faia e Tres Pesos; contacontos con Paula Carballeira e Quico Cadaval; visitas teatralizadas cos Quinquilláns; unha xornada sobre o liño; a romaría de San Ramón; un campamento para nenos e nenas e unha fantástica exposición temporal con maquetas de monumentos de Galicia feitas con pezas de Exin Castillos.
Unha das actividades que tivo mellor acollida durante o verán foi o “Demoscape do Allo”, unha actividade de escapismo que convocou a case 200 persoas procedentes de diferentes lugares da Costa da Morte, Galicia e o resto do estado. Este xogo remata este 15 de setembro, pero volverá no ano próximo con novos retos e temática.
A partir desta semana, dende este sábado 17 de setembro e ata o 15 de xuño do ano que vén (salvo Semana Santa), o monumento das Torres do Allo abrirá todos os sábados, domingos e festivos en horario de 11:00 da mañá a 19:00 da tarde. As visitas guiadas gratuítas seguirán sendo á 13:00 e ás 17:00; non é necesario facer reserva.
Durante estes meses contamos cun novo xogo de pistas para público familiar chamado “A Aventura do Allo” que se pode realizar a calquera hora en horario de apertura e tamén sen reserva previa.
Este outono dará comezo tamén o Programa Didáctico das Torres do Allo enfocado á comunidade educativa con visitas guiadas adaptadas a cada tramo de idade e obradoiros escolares como “Investigando con Victor López Seoane”, “A túa torre defensiva” e “escudo de familia”. Estas actividades realizaranse os venres e son totalmente gratuítas baixo reserva previa por parte dos centros escolares.

Novo horario nas Torres do Allo