Sempre é unha boa época para vir a Torres do Allo. As catro estacións ofrecen diferentes encantos dun contorno natural e etnográfico ideal para respirar aire puro. A carballeira centenaria é un lugar marabilloso para desfrutar dunha luz sempre cambiante que quedará perfecta nas túas fotos. Os hórreos, as fontes, o souto, a paisaxe, o propio Pazo do Allo son motivos suficientes para animarse a visitalas.
Pero ademais, os meses de xullo e agosto veñen cargados de actividades que non podes perder! Empezando polo I Concurso de Fotografía Móbil “Enfoques do Allo”, no que poderás amosar o teu talento para tirar as mellores fotografías co teu smartphone. Vén a Torres do Allo entre o 1 de xullo e o 20 de agosto e sorpréndenos coa túa ollada de artista!
Pero iso non é todo. Os domingos teremos tamén Visitas Teatralizadas ás 19:30 a cargo do grupo Os Quinquilláns, para non perder coa familia. Tamén para desfrutar c@s máis pequen@s teremos o Xogo de Pistas “Os Secretos Ocultos nas Torres”, os días 15 e 29 de xullo e 12 e 26 de agosto ás 12:30.
Imaxínaste a última hora da tardiña, coa brisa suave e quente do verán, nun pazo idílico desfrutando dun concerto ao aire libre? Pois anota na axenda estas datas. O 14 e 21 de xullo e o 19 e 25 de agosto terás un concerto de Kamo Petrosian dentro do ciclo “Clásica nas Torres”, ás 20:30. E o 27 de agosto o concerto de Xoán Curiel e Iris Gey “Ao encontro de Martín Códax”, tamén ás 20:30.
As estrelas vense marabillosamente ben nas noites de Torres do Allo. Pero o 22 de xullo vanse ver aínda mellor co ciclo de cine onde poderás ver na pantalla a Karra Elejalde, Antonio Durán “Morris” e Miguel de Lira en A Esmorga de Ignacio Vilar.
Aproveita este verán para descubrir o Pazo do Allo e o seu contorno. Unha experiencia auténtica.