A exposición pechou as súas portas o 29 de abril con 1.090 visitantes.

Baixo o título de “Mostra do Traxe Tradicional da Terra de Soneira” inaugurábase nas Torres do Allo o 23 de marzo unha pequena pero substanciosa exposición. As pezas excepcionais achegadas pola Asociación de Baile Tradicional CHURÍA, tanto prendas como recollidas audiovisuais e material fotográfico antigo, proporcionou un carácter de oportunidade a esta mostra tan especial.

Ao longo de todo o mes de abril a exposición puido verse en horario de apertura do pazo, moitas veces acompañadxs por propios membros da asociación que ofreceron os seus coñecementos sobre os materiais expostos. Tamén realizaron un Obradoiro de Flocado Tradicional que esgotou as prazas ao pouco de abrirse a inscrición. Ademais, a Asociación Cultural Adro ofreceu outro taller, desta volta un Obradoiro de Colares Tradicionais que resultou unha experiencia moi rica para as persoas participantes.

Todas estas actividades finalizaban o pasado domingo 29 abril cunha posta en escena no que se desvestiron os manequíns e cobraron vida nos corpos dos bailaríns e bailarinas do grupo de baile. Unha exposición que non sería posible sen o traballo de colectivos locais como a Asociación Cultural Castro-Meda. O coidado e corazón na organización desta mostra fixo que máis dun milleiro de persoas se achegaran ás Torres do Allo para desfrutala.

Máis de 1.000 persoas na Mostra do Traxe.