Unha morea de actividades nas Torres do Allo para o 2024
O Alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín ven de presentar a programación de actividades das Torres do Allo, que chega cargada de novidades. O rexedor manifestou o obxectivo de converter ao pazo máis antigo de Galicia nun referente cultural na Costa da Morte á través dunha programación que ano tras ano aposta pola calidade e a diversidade. En consonancia con esta liña de traballo e en virtude do convenio asinado coa Deputación da Coruña, o Concello de Zas destina en 2024 máis de 25.000€ para actividades culturais e didácticas.
A primeira cita será coa chegada da Semana Santa, cando o pazo ampliará os seus horarios abrindo de maneira continuada entre os días 23 e 31 de abril en horario de 11 a 20h. Todas aquelas persoas que desexen afondar un pouco máis na apaixonante historia das Torres terán a posibilidade de participar nunha das visitas guiadas diarias que se farán ás 13 e ás 17h e os máis cativos contan coa opción do Xogo de Pistas “A aventura do Allo”.
En xuño inaugurarase unha nova exposición temporal titulada “Zas, na ollada dos Vidal”, en colaboración co concello de Laxe e o seu Museo do Mar, onde se custodia o Arquivo Fotográfico Vidal composto por máis de 67.000 imaxes realizadas polos fotógrafos locais José María Vidal e o seu pai Plácido Vidal entre fins do século XIX e remate do do século XX. A mostra exhibirá unha selección de fotografías realizadas no concello de Zas onde se mostra a historia do concello a través das vivencias dos seus veciños en festas, romarías, bautizos ou casamentos.
O 8 de xuño terá lugar a III edición da “Xornada sobre o Liño” na que se procura mostrar e valorizar todo o traballo que implica a creación dunha peza de liño artesanal que comprende desde a súa sementeira ata converterse nunha peza de vestir.
Ao longo do ano terán especial importancia as actividades orientadas a nenos e nenas entre as que destacan os obradoiros especiais temáticos. O primeiro deles terá lugar o 21 de abril para conmemorar o día mundial da Terra. Posteriormente, o 18 de maio farase un taller para conmemorar o día das letras galegas, dedicado este ano á escritora Luísa Villalta; continuarase co tradicional obradoiro de San Xoán o 23 de xuño e rematarase o ano con dous talleres de nadal o 16 e 17 de decembro.
De cara ao verán, o pazo será tomado por nenos e nenas que participarán durante as mañás no campamento “Zas no verán 2024” facendo xogos e actividades didácticas. Na tempada estival a música seguirá sendo un dos principais atractivos das Torres co dúo de Boiro Mallou, composto por Sabela Rey Bello e Benxamín Vázquez que actuarán o 12 de xullo pola tarde. O programa “Contos nas Torres” dedicado á narración oral traerá tamén a unha artista de primeiro nivel: Vero Rilo o 3 de agosto co espectáculo Contos de Animalario.
Durante os domingos de xullo e agosto realizaranse as populares visitas teatralizadas da man dos Quinquilláns, que mostrarán os secretos e a historia do pazo a través das figuras do célebre naturalista galego Victor López Seoane e a súa dona e primeira herdeira muller das Torres, Francisca Rioboo.
Volve o popular Escape Room do Allo, este ano mudando narrativa e con novos retos orientado ao público xuvenil e adulto. Este apaixonante xogo de escapismo estará dispoñible baixo reserva nos meses de xullo, agosto e setembro.
O 31 de agosto festexarase a tradicional Romaría de San Ramón que este ano cae en sábado e reforzará a oferta de actividades. Comezará co Mercado de Artesanía Tradicional pola mañá, continuará, na sesión vermú, coa actuación musical do trío Alana, gañadores do premio Xuventude Crea en 2023; despois farase unha comida campestre nas agras contiguas ao pazo das Torres e pola tarde haberá actividades para nenos e nenas da man de Pako Pakolas e o seu espectáculo Rockeando coa Ramona pequena.
No outono, o 26 de outubro chegará o Samaín ao pazo cunha completa xornada na que se incluirá un obradoiro para nenos e nenas, magosto e música tradicional.