Torres do Allo comeza o ano con boas novas. O mes de xaneiro de 2018 foi o mellor de toda a serie histórica cun aumento de máis do cincuenta por cento respecto do ano anterior. Se comparamos os datos co mesmo mes do ano 2016 vemos que este ano dobrouse o número de visitantes cun incremento do 106% nas visitas.
O Pazo do Allo, no Concello de Zas, ten numerosos atractivos para ser visitado tamén no inverno. O seu contorno excepcionalmente conservado conta cunha fauna e flora moi diversa e conforma unha paisaxe bucólica para as persoas amantes da natureza. Así o constataron as familias e parellas que nos visitaron en xaneiro, case un 80% do número total de visitantes.
En febreiro continuamos coas visitas guiadas os sábados e domingos á 13:00 e ás 17:00 para descubrir tódolos valores do pazo e a súa historia. Tamén se pode realizar en horario de apertura do Pazo, de 11:00 a 19:00, o xogo de pistas “Os segredos ocultos das Torres”, unha busca do tesouro que vos dará a coñecer as Torres do Allo dun xeito divertido e participado.