Esta Semana Santa ven cargada de novidades e eventos nas Torres do Allo. Ampliamos os días e horarios de apertura do monumento. Abrirá tódolos días do 24 de marzo ao 1 de abril de 11:00 a 20:00 horas; manténdose as visitas guiadas gratuítas á 13:00 e ás 17:00.

Ademais, o venres 23 de marzo ás 20:00 inaugúrase a Mostra de Traxe Tradicional da Terra de Soneira que permanecerá no Pazo do Allo ata o 29 de abril. Nesta exposición poderán verse pezas únicas de máis de cen anos, fotografías antigas e fragmentos audiovisuais de recollidas realizadas hai décadas.

Dentro do programa da Mostra se realizarán dous obradoiros relacionados coa confección de indumentaria tradicional. A inscrición para participar neles poderase facer durante toda a Semana Santa na propia recepción das Torres do Allo ou a través do correo electrónico info@torresdoallo.gal.

OBRADOIRO DE FIAÑOS TRADICIONAIS.
Organiza: Concello de Zas.
Imparte: Asociación de Baile Tradicional Churía.
Data: Domingo 08 de abril.
Horario: 16:00 – 18:00.
Nº de prazas: 10.
Prezo: 12€/persoa (para materiais).

“Neste obradoiro imos mostrar como se facían os marabillosos fiaños dos panos tradicionais. Os nosos Panos de Ramo, uns dos mantóns máis galegos, facíanse nas casas. Era un traballo arduo pero a recompensa era fermosa. Se che gusta a tradición e reproducir as pezas con exactitude histórica; este é o teu obradoiro.”

OBRADOIRO DE COLARES TRADICIONAIS.
Organiza: Concello de Zas.
Imparte: Asociación Cultural Adro.
Data: Domingo 22 de abril.
Horario: 16:00 – 18:00.
Nº de prazas: 10.
Prezo: 12€/persoa (para materiais).

“Neste obradoiro aprenderemos a elaborar colares para traxe tradicional. Realizaremos un colar con trinta e seis doas de acibeche e once doas de filigrana dourada. Faremos todo o proceso, dende o enfiado ata o remate, levando logo un colar rematado para casa.”

Pero ademais, esta Semana Santa volven as visitas teatralizadas ao Pazo do Allo a cargo de Os Quinquilláns. O venres 30 e sábado 31 de marzo ás 19:00 horas, Vítor López-Seoane e Francisca de Riobóo farán un percorrido polas Torres do Allo explicando a súa forma de vida e curiosidades do día a día no pazo. Unha forma diferente de coñecer a historia do pazo máis antigo de Galicia.

Tamén para as familias continúa o xogo de pistas “Os Secretos Ocultos nas Torres” que se pode realizar en calquera momento en horario de apertura. Unha actividade de balde para facer cxs nenxs e desfrutar dun entorno natural verde e unha paisaxe auténtica.

Programación e actividades de Semana Santa.